Gobierno de España. Ministerio de Sanidad, Servicios Sociales e Igualdad. Secretaría de Estado de Servicios Sociales e Igualdad. Imserso Logo del Sistema para la Autonomía y Atención a la Dependencia Portal de la Dependencia

Buscar nos contidos de Imserso

Seccións informativas

TÍTULO III - Infraccións e sancións

Artigo 42. Responsables.

1. Só poderán ser sancionadas por feitos constitutivos de infracción administrativa as persoas físicas ou xurídicas que resulten responsables daqueles.

2. Considéranse autores das infraccións tipificadas por esta lei os que realicen os feitos por si mesmos, conxuntamente ou a través de persoa interposta.

3. Terán tamén a consideración de autores os que cooperen na súa execución mediante unha acción ou omisión sen a cal a infracción non se puider levar a cabo.

Artigo 43. Infraccións.

Constituirá infracción:

  1. Dificultar ou impedir o exercicio de calquera dos dereitos recoñecidos nesta lei.
  2. Obstruír a acción dos servizos de inspección.
  3. Negar a subministración de información ou proporcionar datos falsos.
  4. Aplicar as prestacións económicas a finalidades distintas a aquelas para as que se outorgan, e recibir axudas, en especie ou económicas, incompatibles coas prestacións establecidas nesta lei.
  5. Incumprir as normas relativas á autorización de apertura e funcionamento e de acreditación de centros de servizos de atención a persoas en situación de dependencia.
  6. Tratar discriminatoriamente as persoas en situación de dependencia.
  7. Conculcar a dignidade das persoas en situación de dependencia.
  8. Xerar danos ou situacións de risco para a integridade física ou psíquica.
  9. Incumprir os requirimentos específicos que formulen as administracións públicas competentes.

Artigo 44. Clasificación das infraccións.

1. As infraccións clasificaranse en leves, graves e moi graves de acordo con criterios de risco para a saúde, gravidade da alteración social producida polos feitos, contía do beneficio obtido, intencionalidade, número de afectados e reincidencia.

2. Cualificaranse como leves as infraccións tipificadas de acordo co artigo 43 cando se cometesen por imprudencia ou simple neglixencia, e non comporten un prexuízo directo para as persoas en situación de dependencia.

3. Cualificaranse como infraccións graves as tipificadas de acordo co artigo 43 cando comporten un prexuízo para as persoas, ou se cometesen con dolo ou neglixencia grave. Tamén terán a consideración de graves aquelas que comporten calquera das seguintes circunstancias:

  1. Reincidencia de falta leve.
  2. Negativa absoluta a facilitar información ou a prestar colaboración aos servizos de inspección, así como o falseamento da información proporcionada á Administración.
  3. Coaccións, ameazas, represalias ou calquera outra forma de presión exercida sobre as persoas en situación de dependencia ou sobre as súas familias.

4. Cualificaranse como infraccións moi graves todas as definidas como graves sempre que concorran algunha das seguintes circunstancias:

  1. Que atenten gravemente contra os dereitos fundamentais da persoa.
  2. Que se xere un grave prexuízo para as persoas en situación de dependencia ou para a Administración.
  3. Que supoñan reincidencia de falta grave.

5. Prodúcese reincidencia cando, ao cometer a infracción, o suxeito fose xa sancionado por esa mesma falta, ou por outra de gravidade igual ou maior ou por dúas ou máis infraccións de gravidade inferior, durante os dous últimos anos.

Artigo 45. Sancións.

1. As infraccións a esta lei serán sancionadas polas administracións competentes con perda das prestacións e subvencións para as persoas beneficiarias; con multa para os coidadores non profesionais; e con multa e, de ser o caso, perda de subvencións, cesamento temporal da actividade ou peche do establecemento, local ou empresa para as empresas provedoras de servizos. En todo caso, a sanción implicará o reintegro das cantidades indebidamente percibidas.

2. A gradación das sancións será proporcional á infracción cometida e establecerase ponderándose segundo os seguintes criterios:

  1. Gravidade da infracción.
  2. Gravidade da alteración social e prexuízos causados.
  3. Risco para a saúde.
  4. Número de afectados.
  5. Beneficio obtido.
  6. Grao de intencionalidade e reiteración.

3. A gradación das multas axustarase ao seguinte:

  1. Por infracción leve, multa de ata 300 euros aos coidadores e ata trinta mil euros aos provedores de servizos.
  2. Por infracción grave, multa de trescentos a tres mil euros aos coidadores; e de trinta mil un a noventa mil euros aos provedores de servizos.
  3. Por infracción moi grave, multa de tres mil un a seis mil euros aos coidadores; e de noventa mil un ata un máximo dun millón euros aos provedores de servizos.

4. Nos supostos en que se acorde a suspensión de prestacións ou subvencións, esta graduarase entre un e seis meses segundo a gravidade da infracción.

5. Ademais, nos casos de especial gravidade, reincidencia da infracción ou transcendencia notoria e grave, as infraccións moi graves sancionaranse coa suspensión temporal da actividade por un máximo de cinco anos ou, de ser ocaso, co peche da empresa ou a clausura do servizo ou establecemento.

6. Durante a tramitación do procedemento sancionador, a Administración competente poderá acordar, como medida preventiva, a suspensión de calquera tipo de axudas ou subvención de carácter financeiro que o particular ou a entidade infractora obtivese ou solicitase da devandita Administración pública.

7. Durante a tramitación do procedemento por infraccións graves ou moi graves, e ante a posibilidade de causar prexuízos de difícil ou imposible reparación, a Administración competente poderá acordar, como medida preventiva, o peche do centro ou a suspensión da actividade.

Artigo 46. Prescrición.

1. As infraccións a que se refire esta lei prescribirán:

  1. Ao ano, as leves.
  2. Aos tres anos, as graves.
  3. Aos catro anos, as moi graves.

2. O prazo de prescrición comezará a contar a partir do día en que se cometese a infracción e interromperase pola iniciación, con coñecemento do interesado, do procedemento sancionador.

3. As sancións impostas por faltas moi graves prescribirán aos cinco anos, por faltas graves aos catro anos e por faltas leves ao ano.

Artigo 47. Competencias.

1. As comunidades autónomas desenvolverán o cadro de infraccións e sancións previstas nesta lei.

2. A incoación e instrución dos expedientes sancionadores, así como a imposición das correspondentes sancións, corresponderá a cada Administración pública no ámbito das súas respectivas competencias.

3. No ámbito da Administración xeral do Estado, será órgano competente para impor as sancións por condutas previstas como infraccións no artigo 43:

  1. O titular da Dirección Xeral do Instituto de Maiores e Servizos Sociais, cando se trate de sancións pola comisión de infraccións leves.
  2. O titular da Secretaría de Estado de Servizos Sociais, Familias e Discapacidade, cando se trate de sancións pola comisión de infraccións graves.
  3. O titular do Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais, cando se trate de sancións pola comisión de infraccións moi graves, ben que se requirirá o acordo previo do Consello de Ministros cando as sancións sexan de contía superior a 300.000 euros ou nos supostos de peche da empresa ou clausura do servizo ou establecemento.

© Instituto de Mayores y Servicios Sociales (Imserso) 2009

Algúns documentos poden presentar problemas de accesibilidade. O Imserso comprométese a facilitalos en formato accesible a quen o soliciteAbre nova fiestra.