Portal de la Dependencia
JUAN CARLOS I
REI DE ESPAÑA
Saiban todos os que a viren e a entenderen que as Cortes Xerais aprobaron e eu sanciono a seguinte lei.
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
A atención ás persoas en situación de dependencia e a promoción da súa autonomía persoal constitúe un dos principais retos da política social dos países desenvolvidos. O reto non é outro que atender as necesidades daquelas persoas que, por se atoparen en situación de especial vulnerabilidade, requiren apoios para desenvolver as actividades esenciais da vida diaria, alcanzar unha maior autonomía persoal e poder exercer plenamente os seus dereitos de cidadanía.
En outubro de 2003 aprobouse no Pleno do Congreso dos Deputados a Renovación do Pacto de Toledo cunha recomendación adicional 3.ª que expresa: «resulta, por tanto, necesario configurar un sistema integrado que aborde desde a perspectiva de globalidade do fenómeno da dependencia e a Comisión considera necesaria unha pronta regulación en que se recolla a definición de dependencia, a situación actual da súa cobertura, os retos previstos e as posibles alternativas para a súa protección».
O recoñecemento dos dereitos das persoas en situación de dependencia foi posto de relevo por numerosos documentos e decisións de organizacións internacionais, como a Organización Mundial da Saúde, o Consello de Europa e a Unión Europea. En 2002, baixo a presidencia española, a Unión Europea decidiu tres criterios que debían rexer as políticas de dependencia dos Estados membros: universalidade, alta calidade e sustentabilidade no tempo dos sistemas que se implanten.
As conclusións do informe da subcomisión sobre o estudo da situación actual da discapacidade, do 13 de decembro de 2003, coinciden na necesidade de configurar un sistema integral da dependencia desde unha perspectiva global coa participación activa de toda a sociedade.
En España, os cambios demográficos e sociais están a producir un incremento progresivo da poboación en situación de dependencia. Por unha parte, é necesario considerar o importante crecemento da poboación de máis de 65 anos, que se duplicou nos últimos 30 anos, para pasar de 3,3 millóns de persoas en 1970 (un 9,7 por cento da poboación total) a máis de 6,6 millóns en 2000 (16,6 por cento). A iso hai que engadir o fenómeno demográfico denominado «envellecemento do envellecemento », é dicir, o aumento do colectivo de poboación con idade superior a 80 anos, que se duplicou en só vinte anos.
Ambas as dúas cuestións conforman unha nova realidade da poboación maior que leva consigo problemas de dependencia nas últimas etapas da vida para un colectivo de persoas cada vez máis amplo. Así mesmo, diversos estudos poñen de manifesto a clara correlación existente entre a idade e as situacións de discapacidade, como mostra o feito de que máis do 32% das persoas maiores de 65 anos teñan algún tipo de discapacidade, mentres que esta porcentaxe se reduce a un 5% para o resto da poboación.
A esta realidade, derivada do envellecemento, débese engadir a dependencia por razóns de enfermidade e outras causas de discapacidade ou limitación, que se incrementou nos últimos anos polos cambios producidos nas taxas de supervivencia de determinadas enfermidades crónicas e alteracións conxénitas e, tamén, polas consecuencias derivadas dos índices de sinistralidade viaria e laboral.
Un 9% da poboación española, segundo a Enquisa sobre discapacidades, deficiencias e estado de saúde de 1999, presenta algunha discapacidade ou limitación que lle causou, ou pode chegar a causar, unha dependencia para as actividades da vida diaria ou necesidades de apoio para a súa autonomía persoal en igualdade de oportunidades. Para este colectivo lexislouse recentemente coa Lei 51/2003, do 2 de decembro, de igualdade de oportunidades, non-discriminación e accesibilidade universal das persoas con discapacidade.
A atención a este colectivo de poboación convértese, pois, nun reto ineludible para os poderes públicos, que require unha resposta firme, sostida e adaptada ao actual modelo da nosa sociedade. Non hai que esquecer que, ata o de agora, foron as familias e en especial as mulleres as que tradicionalmente asumiron o coidado das persoas dependentes, constituíndo o que deu en chamarse o «apoio informal». Os cambios no modelo de familia e a incorporación progresiva de case tres millóns de mulleres, na última década, ao mercado de traballo introducen novos factores nesta situación, que fan imprescindible unha revisión do sistema tradicional de atención para asegurar unha axeitada capacidade de prestación de coidados a aquelas persoas que os necesitan.
O propio texto constitucional, nos seus artigos 49 e 50, refírese á atención a persoas con discapacidade e persoas maiores e a un sistema de servizos sociais promovido polos poderes públicos para o benestar dos cidadáns. Se en 1978 os elementos fundamentais dese modelo de Estado do benestar se centraban, para todo cidadán, na protección sanitaria e da Seguridade Social, o desenvolvemento social do noso país desde entón veu situar a un nivel de importancia fundamental os servizos sociais, desenvolvidos fundamentalmente polas comunidades autónomas, con colaboración especial do terceiro sector, como cuarto piar do sistema de benestar, para a atención ás situacións de dependencia.
Por parte das administracións públicas, as necesidades das persoas maiores, e en xeral dos afectados por situacións de dependencia, foron atendidas ata o de agora, fundamentalmente, desde os ámbitos autonómico e local, e no marco do Plan concertado de prestacións básicas de servizos sociais, no cal participa tamén a Administración xeral do Estado, e dentro do ámbito estatal, os plans de acción para as persoas con discapacidade e para persoas maiores. Por outra banda, o sistema de Seguridade Social veu asumindo algúns elementos de atención, tanto na asistencia a persoas maiores coma en situacións vinculadas á discapacidade: grande invalidez, complementos de axuda a terceira persoa na pensión non contributiva de invalidez e da prestación familiar por fillo a cargo con discapacidade; así mesmo, as prestacións de servizos sociais en materia de reeducación e rehabilitación a persoas con discapacidade e de asistencia ás persoas maiores.
É un feito indubidable que as entidades do terceiro sector de acción social veñen participando desde hai anos na atención ás persoas en situación de dependencia e apoiando o esforzo das familias e das corporacións locais neste ámbito. Estas entidades constitúen unha importante malla social que prevén os riscos de exclusión das persoas afectadas.
A necesidade de lles garantir aos cidadáns, e ás propias comunidades autónomas, un marco estable de recursos e servizos para a atención á dependencia e a súa progresiva importancia, leva agora o Estado a intervir neste ámbito coa regulación contida nesta lei, que a configura como unha nova modalidade de protección social que amplía e complementa a acción protectora do Estado e do sistema da Seguridade Social.
Trátase agora de configurar un novo desenvolvemento dos servizos sociais do país que amplíe e complemente a acción protectora deste sistema, potenciando o avance do modelo de Estado social que consagra a Constitución española, potenciando o compromiso de todos os poderes públicos en promover e dotar os recursos necesarios para facer efectivo un sistema de servizos sociais de calidade, garantistas e plenamente universais. Neste sentido, o Sistema de Atención da Dependencia é un dos instrumentos fundamentais para mellorar a situación dos servizos sociais no noso país, respondendo á necesidade da atención ás situacións de dependencia e á promoción da autonomía persoal, a calidade de vida e a igualdade de oportunidades.
Esta lei regula as condicións básicas de promoción da autonomía persoal e de atención ás persoas en situación de dependencia mediante a creación dun sistema para a autonomía e atención á dependencia (SAAD), coa colaboración e participación de todas as administracións públicas.
O sistema ten por finalidade principal a garantía das condicións básicas e a previsión dos niveis de protección a que se refire esta lei. Para tal efecto, serve de canle para a colaboración e participación das administracións públicas e para optimizar os recursos públicos e privados dispoñibles. Deste modo, configura un dereito subxectivo que se fundamenta nos principios de universalidade, equidade e accesibilidade, desenvolvendo un modelo de atención integral ao cidadán, ao cal se lle recoñece como beneficiario a súa participación no sistema e que administrativamente se organiza en tres niveis.
Neste sentido a competencia exclusiva do Estado para a regulación das condicións básicas que garantan a igualdade de todos os españois no exercicio dos dereitos e no cumprimento dos deberes constitucionais (artigo 149.1 CE), xustifica a regulación, por parte desta lei, das condicións básicas de promoción da autonomía persoal e de atención ás persoas en situación de dependencia mediante a creación dun sistema para a autonomía e atención á dependencia coa colaboración e participación de todas as administracións públicas, e con pleno respecto das competencias que estas asumisen en materia de asistencia social en desenvolvemento do artigo 148.1.20 da Constitución.
A lei establece un nivel mínimo de protección, definido e garantido financeiramente pola Administración xeral do Estado. Así mesmo, como un segundo nivel de protección, a lei considera un réxime de cooperación e financiamento entre a Administración xeral do Estado e as comunidades autónomas mediante convenios para o desenvolvemento e aplicación das demais prestacións e servizos que se recollen na lei. Finalmente, as comunidades autónomas poderán desenvolver, se así o estiman oportuno, un terceiro nivel adicional de protección aos cidadáns.
A propia natureza do obxecto desta lei require un compromiso e unha actuación conxunta de todos os poderes e institucións públicas, polo que a coordinación e cooperación coas comunidades autónomas é un elemento fundamental. Por iso, a lei establece unha serie de mecanismos de cooperación entre a Administración xeral do Estado e as comunidades autónomas, entre os cales destaca a creación do Consello Territorial do Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia. No seu seo débense desenvolver, a través do acordo entre as administracións, as funcións de acordar un marco de cooperación interadministrativa, a intensidade dos servizos do catálogo, as condicións e contía das prestacións económicas, os criterios de participación dos beneficiarios no custo dos servizos ou o baremo para o recoñecemento da situación de dependencia, aspectos que deben permitir o posterior despregamento do sistema a través dos correspondentes convenios coas comunidades autónomas.
Trátase, pois, de desenvolver, a partir do marco competencial, un modelo innovador, integrado, baseado na cooperación interadministrativa e no respecto ás competencias.
O financiamento virá determinado polo número de persoas en situación de dependencia e dos servizos e prestacións previstos nesta lei, polo que esta será estable, suficiente, sostida no tempo e garantida mediante a corresponsabilidade das administracións públicas. En todo caso, a Administración xeral do Estado garantiralles o financiamento ás comunidades autónomas para o desenvolvemento do nivel mínimo de protección para as persoas en situación de dependencia recollidas nesta lei.
O sistema atenderá de forma equitativa todos os cidadáns en situación de dependencia. Os beneficiarios contribuirán economicamente ao financiamento dos servizos de forma progresiva en función da súa capacidade económica, tendo en conta para iso o tipo de servizo que se presta e o seu custo.
O sistema garantirá a participación das entidades que representan as persoas en situación de dependencia e as súas familias nos seus órganos consultivos.
Recoñecerase tamén a participación dos beneficiarios no sistema e a complementariedade e compatibilidade entre os diferentes tipos de prestacións, nos termos que determinen as normas de desenvolvemento.
A lei estrutúrase nun título preliminar; un título primeiro con cinco capítulos; un título segundo con cinco capítulos; un título terceiro; dezaseis disposicións adicionais; dúas disposicións transitorias e nove disposicións derradeiras.
No seu título preliminar recolle as disposicións que se refiren ao obxecto da lei e os principios que a inspiran, os dereitos e obrigas das persoas en situación de dependencia, e os titulares deses dereitos.
O título I configura o Sistema de Atención á Dependencia, a colaboración e participación de todas as administracións públicas no exercicio das súas competencias, a través dos diversos niveis de protección en que administrativamente se organizan as prestacións e os servizos. A necesaria cooperación entre administracións concrétase na creación dun Consello Territorial do Sistema, en que poderán participar as corporacións locais e a aprobación dun marco de cooperación interadministrativa que se desenvolverá mediante convenios con cada unha das comunidades autónomas. Así mesmo, regúlanse as prestacións do Sistema e o catálogo de servizos, os graos de dependencia, os criterios básicos para a súa valoración, así como o procedemento de recoñecemento do dereito ás prestacións.
O título II regula as medidas para asegurar a calidade e a eficacia do sistema, con elaboración de plans de calidade e sistemas de avaliación, e con especial atención á formación e cualificación de profesionais e coidadores. Neste mesmo título regúlase o sistema de información da dependencia, o Comité Consultivo do sistema en que participarán os axentes sociais e dótase do carácter de órganos consultivos os xa creados, Consello Estatal de Persoas Maiores e do Consello Nacional da Discapacidade e Consello Estatal de Organizacións non Gobernamentais de Acción Social.
Por último, regúlanse no título III as normas sobre infraccións e sancións vinculadas ás condicións básicas de garantía dos dereitos dos cidadáns en situación de dependencia.
As disposicións adicionais introducen os cambios necesarios na normativa estatal que derivan da regulación desta lei. Así realízanse referencias en materia de Seguridade Social dos coidadores non profesionais, na Lei do imposto sobre a renda das persoas físicas, na normativa sobre discapacidade, grande invalidez e necesidade de axuda de terceira persoa, e prevense as modificacións necesarias para regular a cobertura privada das situacións de dependencia.
A disposición transitoria primeira regula a participación financeira do Estado na posta en marcha do sistema nun período transitorio ata o ano 2015, de acordo coas previsións do calendario de aplicación da lei que se contén na disposición derradeira primeira.
© Instituto de Mayores y Servicios Sociales (Imserso) 2009
Algúns documentos poden presentar problemas de accesibilidade. O Imserso comprométese a facilitalos en formato accesible a quen o solicite
.