Gobierno de España. Ministerio de Sanidad, Servicios Sociales e Igualdad. Secretaría de Estado de Servicios Sociales e Igualdad. Imserso Logo del Sistema para la Autonomía y Atención a la Dependencia Portal de la Dependencia

Buscar nos contidos de Imserso

Seccións informativas

Disposiciones derradeiras

Disposición derradeira primeira. Aplicación progresiva da lei.

1. A efectividade do dereito ás prestacións de dependencia incluídas nesta lei exercerase progresivamente, de modo gradual, e realizarase de acordo co seguinte calendario a partir do 1 de xaneiro de 2007:

  • O primeiro ano a aqueles que sexan valorados no grao III de gran dependencia, niveis 2 e 1.
  • No segundo e terceiro ano a aqueles que sexan valorados no grao II de dependencia severa, nivel 2.
  • No terceiro e cuarto ano a aqueles que sexan valorados no grao II de dependencia severa, nivel 1.
  • O quinto e sexto ano a aqueles que sexan valorados no grao I de dependencia moderada, nivel 2.
  • O sétimo e oitavo ano a aqueles que sexan valorados no grao I de dependencia moderada, nivel 1.

2. O recoñecemento do dereito contido nas resolucións das administracións públicas competentes xerará o dereito de acceso aos servizos e prestacións correspondentes, previstos nos artigos 17 a 25 desta lei, a partir do inicio do seu ano de implantación de acordo co calendario do punto 1 desta disposición ou desde o momento da súa solicitude de recoñecemento polo interesado, se esta é posterior a esa data.

3. Transcorridos os primeiros tres anos de aplicación progresiva da lei, o Consello Territorial do Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia realizará unha avaliación dos seus resultados, propoñendo as modificacións na implantación do sistema que, de ser o caso, considere procedentes.

4. Na avaliación dos resultados a que se refire o punto anterior efectuarase informe de impacto de xénero sobre o desenvolvemento da lei.

Disposición derradeira segunda. Consello Territorial do Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia.

No prazo máximo de tres meses desde a entrada en vigor desta lei, deberase constituír o Consello Territorial do Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia regulado no artigo 8.

Disposición derradeira terceira. Comité Consultivo.

No prazo máximo de tres meses desde a entrada en vigor desta lei, deberase constituír o Comité Consultivo do Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia regulado no artigo 40.

Disposición derradeira cuarta. Marco de cooperación interadministrativa para o desenvolvemento da lei.

No prazo máximo de tres meses desde a súa constitución, o Consello Territorial do sistema acordará o marco de cooperación interadministrativa para o desenvolvemento da lei previsto no artigo 10, así como o calendario para o desenvolvemento das previsións contidas nesta lei.

Disposición derradeira quinta. Desenvolvemento regulamentario.

No prazo máximo de tres meses tras a constitución do Consello, e de conformidade cos correspondentes acordos do Consello Territorial do sistema, aprobarase a intensidade de protección dos servizos previstos de acordo cos artigos 10.3 e 15, así como o baremo para a valoración do grao e niveis de dependencia previstos nos artigos 26 e 27.

Disposición derradeira sexta. Informe anual.

1. O Goberno deberá informar as Cortes anualmente da execución das previsións contidas nesta lei.

2. O dito informe incorporará a memoria do Consello Territorial e o ditame dos órganos consultivos.

Disposición derradeira sétima. Habilitación normativa.

Facúltase o Goberno para ditar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e execución desta lei.

Disposición derradeira oitava. Fundamento constitucional.

Esta lei dítase ao abeiro da competencia exclusiva do Estado para regular as condicións básicas que garantan a igualdade de todos os españois no exercicio dos dereitos e o cumprimento dos deberes constitucionais, conforme o artigo 149.1.1.ª da Constitución.

Disposición derradeira novena. Entrada en vigor.

Esta lei entrará en vigor o primeiro día do mes seguinte ao da súa publicación no «Boletín Oficial del Estado».

Por tanto,

Mando a todos os españois, particulares e autoridades, que cumpran e fagan cumprir esta lei.

Madrid, 14 de decembro de 2006.

JUAN CARLOS R.

O presidente do Goberno,

JOSÉ LUIS RODRÍGUEZ ZAPATERO

© Instituto de Mayores y Servicios Sociales (Imserso) 2009

Algúns documentos poden presentar problemas de accesibilidade. O Imserso comprométese a facilitalos en formato accesible a quen o soliciteAbre nova fiestra.