Gobierno de España. Ministerio de Sanidad, Servicios Sociales e Igualdad. Secretaría de Estado de Servicios Sociales e Igualdad. Imserso Logo del Sistema para la Autonomía y Atención a la Dependencia Portal de la Dependencia

Buscar nos contidos de Imserso

Seccións informativas

Disposiciones Adicionales

Disposición adicional primeira. Financiamento das prestacións e servizos garantidos pola Administración xeral do Estado.

A Lei de orzamentos xerais do Estado de cada exercicio determinará a contía e a forma de aboamento ás comunidades autónomas das cantidades necesarias para o financiamento dos servizos e prestacións previstos no artigo 9 desta lei.

Disposición adicional segunda. Réxime aplicable aos sistemas de concerto e convenio.

O financiamento dos servizos e prestacións do Sistema na Comunidade Autónoma do País Vasco e na Comunidade Foral de Navarra que corresponda, segundo o previsto no artigo 32 desta lei, á Administración xeral do Estado con cargo ao seu orzamento de gastos terase en conta no cálculo da cota vasca e da achega navarra, de conformidade co Concerto Económico entre o Estado e a Comunidade do País Vasco e co Convenio Económico entre o Estado e a Comunidade Foral de Navarra, respectivamente.

Disposición adicional terceira. Axudas económicas para facilitar a autonomía persoal.

A Administración xeral do Estado e as administracións das comunidades autónomas poderán, de conformidade coas súas dispoñibilidades orzamentarias, establecer acordos específicos para a concesión de axudas económicas co fin de facilitar a autonomía persoal. Estas axudas terán a condición de subvención e irán destinadas:

  1. A apoiar a persoa con axudas técnicas ou instrumentos necesarios para o normal desenvolvemento da súa vida ordinaria.
  2. A facilitar a accesibilidade e adaptacións no fogar que contribúan a mellorar a súa capacidade de desprazamento na vivenda.

Disposición adicional cuarta. Seguridade Social dos coidadores non profesionais.

Regulamentariamente, o Goberno determinará a incorporación á Seguridade Social dos coidadores non profesionais no réxime que lles corresponda, así como os requisitos e o procedemento de afiliación, alta e cotización.

Disposición adicional quinta. Rexistro de prestacións sociais públicas.

A prestación económica vinculada ao servizo, a prestación económica para coidados no ámbito familiar e a prestación económica de asistencia personalizada, reguladas nesta lei, quedan integradas no Rexistro de prestacións sociais públicas. Con tal fin, as entidades e os organismos que xestionen as devanditas prestacións estarán obrigados a subministrar os datos que, referentes aos que se concedesen, se establezan nas normas de desenvolvemento desta lei.

Disposición adicional sexta. Modificación do Real decreto lexislativo 3/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do imposto sobre a renda das persoas físicas.

Engádese unha nova alínea ao artigo 7 do texto refundido da Lei do imposto sobre a renda das persoas físicas, aprobado polo Real decreto lexislativo 3/2004, do 5 de marzo, co seguinte texto:

«v) As prestacións económicas públicas vinculadas ao servizo para coidados no ámbito familiar e de asistencia personalizada que derivan da Lei de promoción da autonomía persoal e de atención ás persoas en situación de dependencia.»

Disposición adicional sétima. Instrumentos privados para a cobertura da dependencia.

1. O Goberno, no prazo de seis meses, promoverá as modificacións lexislativas que procedan para regular a cobertura privada das situacións de dependencia.

2. Co fin de facilitar o cofinanciamento polos beneficiarios dos servizos que se establecen nesta lei, promoverase a regulación do tratamento fiscal dos instrumentos privados de cobertura da dependencia.

Disposición adicional oitava. Terminoloxía.

As referencias que nos textos normativos se efectúan a «minusválidos» e a «persoas con minusvalidez «entenderanse realizadas a «persoas con discapacidade».

A partir da entrada en vigor desta lei, as disposicións normativas elaboradas polas administracións públicas utilizarán os termos «persoa con discapacidade» ou «persoas con discapacidade» para denominalas.

Disposición adicional novena. Efectividade do recoñecemento das situacións vixentes de grande invalidez e de necesidade de axuda de terceira persoa.

Os que teñan recoñecida a pensión de grande invalidez ou a necesidade de asistencia de terceira persoa segundo o Real decreto 1971/1999, do 23 de decembro, de procedemento para o recoñecemento, declaración e cualificación do grao de minusvalidez, terán recoñecido o requisito de se encontrar en situación de dependencia, no grao e nivel que se dispoña no desenvolvemento regulamentario desta lei.

Disposición adicional décima. Investigación e desenvolvemento.

1. Os poderes públicos fomentarán a innovación en todos os aspectos relacionados coa calidade de vida e a atención das persoas en situación de dependencia. Para iso, promoverán a investigación nas áreas relacionadas coa dependencia nos plans de I+D+I.

2. As administracións públicas facilitarán e apoiarán o desenvolvemento de normativa técnica, de forma que asegure a non-discriminación en procesos, deseños e desenvolvementos de tecnoloxías, produtos e servizos, en colaboración coas organizacións de normalización e todos os axentes implicados.

Disposición adicional décimo primeira. Cidades de Ceuta e Melilla.

O Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais subscribirá acordos coas cidades de Ceuta e Melilla sobre centros e servizos de atención á dependencia en ambas as dúas cidades, podendo participar no Consello Territorial do Sistema na forma que este determine.

Disposición adicional décimo segunda. Deputacións forais, cabidos e consellos insulares.

Na participación das entidades territoriais no Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia teranse en conta as especificidades recoñecidas ás deputacións forais no caso da Comunidade Autónoma do País Vasco, aos cabidos no caso da Comunidade Autónoma de Canarias e aos consellos insulares no caso da Comunidade Autónoma de Illes Balears.

Disposición adicional décimo terceira. Protección dos menores de tres anos.

1. Sen prexuízo dos servizos establecidos nos ámbitos educativo e sanitario, o Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia atenderá as necesidades de axuda a domicilio e, de ser o caso, prestacións económicas vinculadas e para coidados no ámbito familiar a favor dos menores de tres anos acreditados en situación de dependencia. O instrumento de valoración previsto no artigo 27 desta lei incorporará para estes efectos unha escala de valoración específica.

2. A atención aos menores de tres anos, de acordo co disposto no punto anterior, integrarase nos diversos niveis de protección establecidos no artigo 7 desta lei e as súas formas de financiamento.

3. No seo do Consello Territorial do Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia promoverase a adopción dun plan integral de atención para estes menores de tres anos en situación de dependencia, no cal se recollan as medidas que deberán adoptar as administracións públicas, sen prexuízo das súas competencias, para facilitar atención temperá e rehabilitación das súas capacidades físicas, mentais e intelectuais.

Disposición adicional décimo cuarta. Fomento do emprego das persoas con discapacidade.

As entidades privadas que aspiren a xestionar por vía de concerto prestacións ou servizos do Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia deberán acreditar con carácter previo, no caso de que viñesen obrigadas a iso, o cumprimento da cota de reserva para persoas con discapacidade ou, no seu defecto, as medidas de carácter excepcional establecidas no artigo 38 da Lei 13/1082, do 7 de abril, de integración social dos minusválidos, e reguladas no Real decreto 364/2005, do 8 de abril.

Disposición adicional décimo quinta. Garantía de accesibilidade e supresión de barreiras.

As administracións públicas, no ámbito das súas respectivas competencias, garantirán as condicións de accesibilidade nos ámbitos, procesos e procedementos do Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia, nos termos previstos na Lei de igualdade de oportunidades, non-discriminación e accesibilidade universal das persoas con discapacidade.

Disposición adicional décimo sexta. Pensións non contributivas.

Modifícase o punto 2 do artigo 145 do texto refundido da Lei xeral da Seguridade Social, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/1994, do 20 de xuño, nos seguintes termos:

As contías resultantes do establecido no punto anterior deste artigo, calculadas en cómputo anual, son compatibles coas rendas ou ingresos anuais de que, se é o caso, dispoña cada beneficiario, sempre que estes non excedan do 25 por 100 do importe, en cómputo anual, da pensión non contributiva. No caso contrario, deducirase do importe da pensión non contributiva a contía das rendas ou ingresos que excedan da devandita porcentaxe, salvo o disposto no artigo 147

© Instituto de Mayores y Servicios Sociales (Imserso) 2009

Algúns documentos poden presentar problemas de accesibilidade. O Imserso comprométese a facilitalos en formato accesible a quen o soliciteAbre nova fiestra.